Monday 13 de May de 2024

A Fusquenlla prepárase para empezar a funcionar organizando un curso dirixido a persoas interesadas en utilizar as instalacións


O prazo de inscrición permanecerá aberto até o 15 de maio

Ofértanse 15 prazas, dándolle preferencia nas inscricións ás persoas de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño que teñan relación co sector primario

Serán 63 horas de teoría e práctica centradas nas elaboracións hortofrutícolas

Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño son os catro concellos promotores do Centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, situado na antiga nave dos queixos de San Ramón. O centro está totalmente equipado para a elaboración de produtos cun alto valor engadido como son as conservas de horta, marmeladas, zumes e mel. Hai uns meses levouse a cabo un programa de presentación do proxecto -integrado na rede de espazos colaborativos da Deputación da Coruña- e agora dase o seguinte paso, que consistirá na formación técnica das persoas que teñan verdadeiro interese en utilizar as instalacións. Neste sentido, e aínda que a convocatoria está aberta a todas as persoas interesadas, primarase a participación de aquelas pertencentes a calquera dos catro municipios promotores do proxecto que desenvolvan a súa actividade no sector agrario e alimentario e que teñan unha clara vinculación co mundo rural.

A formación centrarase exclusivamente na transformación de produtos hortofrutícolas e impartirase en oito módulos que en conxunto suman 63 horas de teoría e práctica tratando, entre outros contidos, a hixiene e manipulación de alimentos, a utilización da maquinaria dispoñible, trazabilidade, documentación e normativa, prevención de riscos, etc.

Os módulos dividiranse en sesións de 3 ou 4 horas e serán maiormente presenciais, aínda que cabe a posibilidade de que algúns temas se ofrezan a través dunha plataforma en liña.

Para este primeiro curso gratuíto ofértanse un máximo de 15 prazas e esixirase das persoas participantes o compromiso de asistir polo menos ao 90% das horas de cada módulo. Ademais será necesario superar con suficiencia todos e cada un dos apartados formativos para poder ser admitida despois como usuaria ou usuario da Fusquenlla. Se houbese máis solicitudes crearíase unha lista que se terá en conta para outro curso que se prevé realizar no segundo semestre do ano.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto até o 15 de maio. Deberán facerse a través do formulario dispoñible na web www.afusquenlla.gal, onde hai máis información sobre o curso e sobre o proxecto en si.

O calendario formativo definirase procurando consensuar coas persoas participantes as datas e horarios que mellor se axeiten ás súas necesidades. Para aclarar calquera dúbida tamén se pode enviar un correo a contacto@afusquenlla.gal.

Un proxecto pioneiro
A Fusquenlla é un centro de apoio ao desenvolvemento rural orientado á transformación alimentaria de produtos do agro. Trátase dun espazo para a elaboración de conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, mel, etc.

As pequenas explotacións e particulares poderán procesar as súas colleitas nas instalacións, xa sexa para autoconsumo ou para dárlle saída aos excedentes. Neste sentido, dous dos obxectivos prioritarios do proxecto son o de contribuír ás economías familiares e a xerar oportunidades de desenvolvemento no territorio. Obxectivos ambos que están aliñados cos do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, do que forman parte os catro concellos promotores: Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño.

A iniciativa que agora encara a súa fase de posta en marcha contou con axuda do Programa Leader-Seitura 22, da Consellaría do Medio Rural e da Deputación da Coruña, integrada neste último caso na súa Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.